Historia

as monxas de camanzo

A finais do século XV asistimos ó final da agonía de Camanzo, primeiro como mosteiro e despois como priorato masculino. No ano 1605 o canónigo Do Hoyo, a raíz dunha visita, recorda que no seu día o mosteiro deuse por xustas causas ás monxas de San Paio, pero non dá máis explicacións.

A causa da crise de Camanzo hai que buscala na conflictiva situación que vivíu Galicia no último terzo do século XV. Os mosteiros sufrían a opresión dos poderosos, que administraban os seus bens e nomeaban ós seus abades. E no caso de Camanzo, ata tal punto se senten acosados polo conde de Altamira, que chegan a implorar protección ós Reis Católicos.

Esta grave situación, na que se atopaba a maioría das casas relixiosas, sobre todo as máis pequenas, fixo dexenerar de tal forma a vida monástica que algunhas tiveron que ser suprimidas e outras condenadas a perder a súa autonomía. No Deza, os mosteiros femininos de Órrea, Dozón e Ansemil quedaron como simples prioratos de San Paio de Antealtares a partir do 1500. E Carboeiro foi anexionado ese mesmo ano polo de San Martiño Pinario, que de ahí en adiante administraría as súas cuantiosas rendas. Camanzo seguíu a mesma sorte.

 

 

Cara a 1460 a comunidade quedara reducida a só tres ou catro monxes, que vivían pobremente. Vacante o cargo de abade, o prior queixábase entón de que os seus bens foran incautados por omes poderosos que nos amenaçan e desafían se non llos queremos dar. En 1462, aparece o que será o último abade, frei Vasco de Escoquedo, que rexerá a casa durante trinta anos, pero sen conseguir mellorar a situación. E en 1492 titúlase administrador perpetuo de sus bienes un tal Diego de Saldaña, nobre segundón e bispo de Beirut con residencia en Santiago, aínda que lle durou pouco a prebenda, pois tres anos máis tarde, dentro da reforma das ordes relixiosas imposta polos Reis Católicos, Camanzo é anexionado como priorato polo mosteiro de San Martiño Pinario, que cede as súas rendas ó fundador da Universidade.

Pero os encargados de levar a cabo a reordenación das casas femininas de Galicia decidiron establecer a súa sede central no caserón de San Paio, e Camanzo foi cedido coas súas propiedades á nova abadía. Así foi como pasou a pertencer ás monxas compostelás e Gómez de Marzoa quedou sen rendas e sen albergue para o seu Estudo Vello. Isto sucedía en 1499, aínda que a adscripción definitiva aparece rexistrada no ano 1515.

De ahí en diante a abadesa de San Paio terá todas as facultades en Camanzo: ordear a comunidade, nomear capelán e vicarios encargados das parroquias dependentes do priorato, administrar os seus bens, etc. E así o fará, aínda que cada vez con máis problemas, durante case 350 anos. Non hai constancia de que as monxas chegasen a formar unha comunidade estable en Camanzo, só o farían de xeito provisional e en moi contadas ocasións.