Descrición

Climatoloxía

O municipio de Vila de Cruces comparte o clima oceánico da Galicia interior, cunha temperatura media anual entre os 12 e os 15 graos, oscilando entre os 6-7º do mes máis frío (xaneiro) e os 18-19º dos máis cálidos (xullo e agosto), nos que a máxima absoluta supera frecuentemente os 30º. A transición entre inverno e verán, gradual e lenta, contrasta coa brusquedade do cambio de verán a inverno, que se realiza en só dous meses (outubro e novembro), cunha oscilación de temperaturas en torno ós 12º.

É necesario precisar, sen embargo, que en Vila de Cruces se rexistra a transición morfoclimática entre as cuncas alta e baixa do Ulla. É doado comprobalo entre Portodemouros e Añobre, onde o río serpentea entre montañas, a veces con beiras rochosas e case inaccesibles, e cun desnivel entre o seu canle e as terras limítrofes que á altura de Ponte San Xusto acada os 180 metros.

 

 

Na cunca do gran río distínguense tres tramos ou espazos ben diferenciados polas súas características xeomórficas e climáticas: o do alto Ulla, con clima oceánico de montaña; as terras occidentais da Ulloa, nas que se inicia a área de transición, e o baixo Ulla, que comenza en Vila de Cruces, con clima oceánico hiperhúmedo. Algo que é doado comprobar en parroquias como Añobre, Camanzo ou Gres, que apenas se diferencian nos seus aspectos morfoclimáticos das de Arnois ou Ribadulla, río abaixo.

Hai que sinalar, en todo caso, que o encoro de Portodemouros veu a modificar as constantes climáticas do seu entorno, con especial incidencia nos frutais e nas hortalizas, e tamén noutros cultivos, como aseguran os veciños das parroquias ribeiregas. Unha tal cantidade de auga embalsada constitúe necesariamente un elemento distorsionador, para ben ou para mal, do ecosistema anterior.

Por outra banda, as choivas, presentes todo o ano, caen con maior intensidade de novembro a abril, e merman considerablemente no verán. As precipitacións son abundantes (1.300 a 1.400 mm. anuais), aínda que os meses de xullo e agosto non soen superar os 60 mm.

Este mínimo pluviométrico, unido ás elevadas temperaturas de estes meses, provoca un déficit de auga en torno aos 150- 300 mm. totais.