O Concello de Viladecruces

O concello de Vila de Cruces está situado no límite máis septentrional da provincia de Pontevedra, no límite coa provincia de A Coruña. É un dos seis concellos que configuran a comarca natural do Deza, conxuntamente cos concellos de Lalín, Silleda, Agolada, Rodeiro e Dozón.

Dentro desa comarca, o de Vila de Cruces presenta unha imaxe xeográfica singular xa que, ademais da súa fronteira fluvial cos coruñeses de Boqueixón, Touro, Arzúa e Santiso, outros dous ríos sepárano de Silleda e Agolada, o Deza e o Arnego, respectivamente, á vez que a Serra do Carrio marca a súa liña divisoria con Lalín, polo que aparece recortado no mapa como unha "península fluvial".

O municipio abarca unha superficie de 147 quilómetros cadrados, distribuidos en 28 parroquias.

O territorio está formado por un altiplano que descende escalonado de sur a norte cara a canle do Ulla, con distintos niveis de erosión, como o máis elevado dos cumes de O Carrio (Penarredonda, 827 msnm), ou o intermedio de alturas entre os 600 e 500 metros, coma os montes Madanela e Mirón.

É na zona septentrional, ribeireña co Ulla, onde presenta o municipio as súas terras máis accidentadas, con montes e cerros de diversas alturas e caprichos distribución, que obrigan ó río a torcerse, entre beiras rochosas e ás veces inaccesibles, ata que logra explaiarse nos vales occidentais.

 

As rochas e os minerais

O subsolo ofrece unha especial interese xeolóxica, non só porque desde mediados do século XIX foi considerado o único terreo semivolcánico de Galicia, pola suposta presenza nel de formacións basálticas, senón tamén pola variedade de minerais que alberga.

Estudos posteriores descartaron a presenza de formacións basálticas na zona, nas que se apoiaba o seu presunto carácter semivolcánico, pero seguen subliñando a súa interese xeolóxica.

Este concello ten o seu asentamento xeolóxico no chamado "Complexo de Ordes", composto fundamentalmente por esquistos e rochas básicas. Os primeiros formáronse a partir de sedimentos mariños e de emisións volcánicas submarinas, cando toda esta área formaba unha gran cunca de sedimentación oceánica, fai máis de 600 millóns de anos.

En canto ás rochas básicas, sobre todo anfibolitas e serpentinas, representan os restos dun gran manto de corremento que cabalgou sobre os esquistos antes citados durante a fase de formación das montañas galaicas, durante o Paleozoico.

Xunto a estes dous tipos predominantes de rochas, aparecen de forma moi localizada afloramentos do apreciado granito de dúas micas, así como a serpentina, de crecente aplicación como pedra ornamental.

En canto ós minerais, destacan sobre todo o wólfram e o estaño da beira do Río Deza en Losón e Fontao, protagonistas da longa tradición mineira do concello.

 

A fauna e a flora

Vila de Cruces conserva unha rica variedade de animáis e prantas. Segundo datos aportados polo biólogo Ramón Balado, nos seus ríos viven 7 das 12 especies de peixes existentes en Galicia; 12 das 14 especies de anfibios; e 9 das 22 especies de reptiles censados na rexión galega.

Entre as aves merecen especial atención as rapaces, como o azor, o cernícalo, o aguilucho, o cárabo, o moucho ou a lechuza campestre, moi rara en Galicia, e que foi detectada nestas terras nos anos oitenta. E aves de paso como o ánade real, a garza e incluso algún cormorán pódense ver no inverno descansando no encoro de Portodemouros.

En canto ós mamíferos, neste concello podemos atopar todo tipo de insectos que hai en Galicia, 9 dos 16 roedores e 7 das 17 especies distintas de morcegos. E dentro dos carnívoros, atópase a xineta, o teixo, a nutria, a garduña, o furón, a comadrexa, o armiño, o raposo e tamén, ocasionalmente, o lobo.

As zonas boscosas autóctonas de carballos e castiñeiros, conxuntamente con abedules e alisos que a miúdo acompañan o curso dos ríos, forman unha única e moi fermosa paisaxe. Nos últimos anos estas zonas medraron as zonas adicadas a piñeiros e eucaliptos, debido á rendabilidade económica con respecto a outras especies.

Singular interese botánico ofrecen as sobreiras da beira do Arnego, incluídas dentro da Rede Natura 2000. Son árbores propias de climas máis cálidos, como o mediterráneo, ó igual que os érbedos, os limoeiros e as laranxeiras, que medran nas zonas ribeireñas máis abrigadas, xunto con vides e frutais.

 

Clima

O municipio comparte o clima oceánico da Galicia interior, cunha temperatura media anual entre os 12 e os 15 graos, e unha oscilación de inverno a verán de 6 a 19 graos. Nos meses máis calurosos a máxima absoluta pode superar os 30 graos.

Hai que precisar, de todos modos, que nestas terras se rexistra a transición morfoclimática entre as cuncas alta e baixa do Ulla.  É fácil comprobalo entre as parroquias de Portodemouros e a de Añobre, onde o río serpentea entre as montañas, ás veces con beiras rochosas e case inaccesibles, e cun desnivel entre a súa canle e as terras limítrofes que á altura da Ponte San Xusto alcanza os 180 metros.