Historia

Das xurisdiccións ó municipalismo

Ata principios do século XIX o territorio estaba dividido en xurisdiccións e coto-redondos, dacordo co mapa herdado do Antigo Réxime, que dende a Idade Media se veu configurando segundo as respectivas dependencias de terras e vasaios.

Así, o que é hoxe o Concello de Vila de Cruces tiña as súas parroquias suxeitas ás seguintes xurisdiccións e señoríos, que de cando en vez compartían con outras feligresías alleas ó territorio:

  • Abeancos, do conde de Monterrey (Arnego, Besexos, Cumeiro e Ferreirós).

  • Brandomés, dos mecedarios de Conxo (Brandariz).

  • Camanzo, das monxas de San Paio (Camanzo).

  • Carboeiro, de San Martiño Pinario (Carbia, Bodaño, Fontao, Merza e Losón).

  • Caxide, de Joseph Pardo (Duxame, Loño e Portodemouros).

  • Cira, do conde de Altamira (Añobre, Bascuas, Gres e Sabrexo).

  • Piloño, do arcebispo de Santiago (Obra, Ollares, Piloño e Salgueiros).

  • San Xusto, de San Martiño Pinario (Insua).

  • Deza do conde de Lemos (Oirós, Asorei e Toiriz).

 

 

O primeiro intento de redistribución do territorio propiciouno a Constitución de 1812, plasmado en Vila de Cruces coa súa división en cinco concellos constitucionais: Merza, Camanzo, Ferreirós, Piloño e Cruces. Cando en 1822 é dividida Galicia en catro provincias, todos estes concellos englóbanse dentro da provincia e deputación de Vigo, a capitalidade da cal pasaría máis tarde a Pontevedra. E é nese momento (1835 – 36) cando o partido xudicial de Lalín é de novo redistribuído en só seis concellos, sendo a parroquia de Carbia a que dá nome e sede ó que hoxe é o Concello de Vila de Cruces. E o que por aquel entonces era o Concello de Carbia estaba composto por 27 parroquias, pois As Cruces aínda non o era.

As parroquias de Asorei, Fontao, Oirós e Toiriz pretenderon seguir incorporadas a Lalín, como estaban antes da reforma, pero o seu desexo non foi atendido.

Carbia mantivo a capitalidade do municipio ata o ano 1944. O 19 de setembro daquel ano o concello inaugurou a súa nova sede en Vila de Cruces, xa constituída en parroquia, e lugar de dúas importantes feiras mensuais. O que en principio era un pequeno poboado veuse consolidado dende finais do século XIX como un importante e prometedor centro de servizos e de comunicacións.