Descrición

Descrición Xeográfica

O municipio de Vila de Cruces está situado no límite mais septentrional da provincia de Pontevedra, da que administrativamente forma parte, no centro - oeste de Galicia.

É un dos seis concellos que configuran a comarca natural do Deza, e que forma con Lalín como cabeceira, Silleda, Agolada, Rodeiro e Dozón.

Dos seis municipios que integran esta comarca o de Lalín con 298 Km². é o maior da provincia, seguido polo de Silleda con 169 Km²., Rodeiro con 167 Km²., Vila de Cruces con 155 Km²., Agolada con 147 Km². e o máis pequeno é o de Dozón, con tan só 58 Km².

Dentro desa comarca, o de Vila de Cruces presenta unha imaxe xeográfica singular, xa que ademáis da sua fronteira fluvial cos municipios coruñeses de Boqueixón, Touro, Arzúa e Santiso, outros dous ríos o separan de Silleda e de Agolada, o Deza e o Arnego, respectivamente, ao tempo que a Serra de Carrio marca a súa líña divisoria co de Lalín, polo que aparece recortado no mapa como unha “península fluvial.”

 

 

E esta imaxe acuática vese reforzada por un mar interior, o embalse de Portodemouros, que alimenta na súa confluencia o Ulla e o Arnego.

A comarca pontevedresa do Deza, é unha comarca de límites ben definidos por accidentes xeográficos. Limita ó norte co río Ulla, ó sur coa cadea montañosa da serra de Candán, ó este coas serras do Faro e o Farelo, que delimitan a comarca frente ás terras de Lugo e ó oeste cos montes de San Sebastián de Meda e de novo co río Ulla, e abarca, polo tanto, unha superficie de 1.027 Km².

O relevo da comarca presenta caracteres de montaña, con altitudes que varían entre os 102 m. e os 1.177 m. sobre o nivel do mar. O relevo dezao é unha sucesión de montes, vales e suaves bagoadas que surcan os numerosos ríos que flúen polas terras da comarca. Ó leste, destaca a serra do Faro, que no seu cume alcanza a maior altitude da comarca. Ó sur da mesma, esténdese o Candán, que culmina en San Bieito de Candán segunda maior altitude da comarca. Nos límites do oeste, o monte de San Sebastián de Meda, A Rocha, O Chamor e Penadoiro son as alturas máis sobresaíntes.

A maior parte do territorio da comarca está comprendido nunha altitude entre os 400 e os 700 metros, incluídas as vilas capitais. Por debaixo dos 400 m. unicamente se estenden algúns vales nas ribeiras do Deza e Ulla, nos concellos de Silleda e Vila de Cruces.