Historia

do románico ó barroco

No que respecta á arquitectura houbo dous séculos que foron especialmente edificantes: o XII, tempo sereo e románico, e o XVIII, do esplendor do barroco.

Durante o primeiro levantáronse no Concello de Vila de Cruces as primeiras igrexas coa sobria beleza daquel estilo monacal, cos seus arcos de medio punto, as súas columnas adosadas, as súas adornadas portas e os seus capiteis multiformes.

E durante o século XVIII amplíanse ou reconstrúense de nova pranta os primitivos templos e levántanse pazos e casonas da fidalguía rural.

De todas as igrexas levantadas no século XII, é a do mosteiro de Camanzo a única que conserva unha boa parte da fábrica primitiva. Séguelle a de Merza, coa súa porta e a súa ábside románicas, case intactas. E tamén se mostran algúns elementos orixinais as de Losón, Bodaño e Toiriz. Case todos as igrexas feitas neste século resurxiron no seu día cunha nova pranta e unha nova imaxe, eliminando calquera aceno da súa identidade románica.

 

 

Esta transformación prodúcese, na maioría das parroquias, no século XVIII, seguindo a moda que dictaba Compostela e os grandes mosteiros do Císter. Unha das primeiras igrexas que inauguran o barroco é a de Brandariz, levantada a principios dese século polos frades mercedarios de Conxo, que eran os maiores rentistas locais. E a esta seguen, entre outras, as de Toiriz (1723), Duxame (1750), Asorei (1760), Carbia (1766), Loño (1777), As Cruces de Besexos (a primitiva capela en 1770 e a do santuario da Piedade en 1790). A propia igrexa de Camanzo tamén sufríu en 1722-1725 a amputación dunha parte da súa fábrica románica e quedou coa estrutura que mostra hoxe.

No que respecta á arquitectura civil, o barroco sementou as terras do Concello de Vila de Cruces coas Casonas e pazos fidalgos, en boa parte construídos ou ampliados no século XVIII: Merza, Duxame, Arnego, Cumeiro... Este foi o século de ouro da fidalguía rural, con nomes coma os seguintes: os Otero Bermúdez de Soutomaior, de Duxame; os influíntes canónigos Mella, de Arnego; os Caxide, de Besexos; os Turnes, de Piloño; os Bermúdez de Ulloa, de Loño; os Neira, de Gres; os Somoza, de Merza; ou a casa Altamira, en Cumeiro.