Historia

fame, peste e riadas

A partir da mortífera peste negra que asolou Europa durante a primeira metade do século XIV, a fame e as epidemias caían sobre Galicia periodicamente. Pero a súa incidencia foi máis frecuente a mediados do século XVI e revestíu especial gravidade entre 1563 e 1566. Tras dous anos de malas colleitas a fame cebouse sobre a poboación. E despois invadíu a maior parte do Reino a mortífera peste bubónica. A epidemia desapareceu en 1570 grazas ás fortes choivas e nevadas daquel inverno. Pero foi tal a duración e intensidade dos augaceiros que o Ulla mantivo inundadas varios meses as terras da súa beira. Incluso o 18 de febreiro de 1571 a riada arrasou o mosteiro San Xoan da Coba (que estaba río abaixo, ó abrigo da garganta que hoxe salva a liña férrea) e destruíu varias pontes.

A ponte de Ledesma - Gres resistíu a embestida das augas, pero sufríu grandes desperfectos. A súa reparación levouna a cabo o mestre de obras da catedral, o cántabro Juan de Herrera, arquitecto da sacristía de Sobrado dos Monxes e principal representante do Renacemento purista de Galicia. Pero tan só uns anos máis tarde, en 1580, o cabildo compostelano ten que volver a destinar cartos para a súa reparación.

 

 

Volveron a ser anos de gran escaseza de alimentos os comprendidos entre 1597 - 1599, 1618 - 1620 e 1628 - 1630. E rexistráronse situacións parecidas nos seguintes séculos, con especial gravidade en 1738 - 1739 e en 1769. De todos modos non se ten coñecemento dos efectos que produciron sobre as xentes de Vila de Cruces estas fames.

Tampouco se sabe a ciencia certa o efecto das epidemias, que case sempre chegaban polo mar. Tamén os camiños reais servían de vías de contaxio, e por aquí pasaba un. De todos os xeitos, non debeu ser unha zona á que lle afectasen moito, pois o canónigo Do Hoyo, a comezos do século XVII, di que as monxas de San Paio se viñan refuxiar ó priorato de Camanzo cando había peste en Santiago e que quedaban aquí ata que o perigo pasaba.