Descrición

Fauna

O Concello de Vila de Cruces conserva unha rica variedade de animais. Segundo datos do biólogo Ramón Balado, nos seus ríos viven sete das doce especies de peixes existentes en Galicia; doce das catorce especies de anfibios (entre eles, a curiosa salamantiga rabilonga), e nove das vintedúas especies de réptiles censados na rexión galega.

Entre as aves, da que se pode facer unha relación interminable, merecen especial atención - e protección - as rapaces, como o azor, o cernícalo, o aguiacho, o cárabo, o moucho orelludo ou o moucho campestre, moi raro en Galicia, e a presencia do cal foi detectada aquí nos anos oitenta. Aves de paso como o parrulo real, a garza e incluso algún corvo mariño poden verse en inverno descansando no encoro de Portodemouros, como o facían noutros tempos nos humedais da vaguada existente no cume da Serra do Carrio as limícolas avefrías.

En canto ós mamíferos, aquí están representados todos os insectívoros galegos, así coma nove dos dezaseis roedores e sete das dezasete especies de morcegos rexistrados en Galicia, con algún exemplar interesante do xénero Myotis. E dos carnívoros, os máis escasos e ameazados, aínda que se poden atopar a xineta, o texón, a nutria, a garduña, o furón, a comadrexa, o armiño, o raposo e, ocasionalmente, o lobo, outrora señor dos montes locais.

 

 

Referíndonos á comarca natural do Deza en xeral, podemos dicir que o retroceso da vexetación autóctona nos últimos tempos vese agravado no que fai relación á fauna, con algúns casos en camiño de extinción, tanto que, se non se lle pon freo, pode ser a nosa xeración a última en escoitar o canto do xílgaro, do cuco ou do verderolo. Resulta difícil xa contemplar o voo do azor, da aguia ou do falcón, admirar a veloz carreira da lebre ou escoitar a lúgubre voz da curuxa. A degradación do medio ambiente pon, pois, en perigo de extinción numerosas especies da nosa fauna salvaxe.

Podemos destacar como especies máis representativas da nosa comarca as seguintes:

Anfibios: Lagarto de auga ou tritón, a píntega o salamántiga, o sapo, a ra, a tartaruga, o liscante, o lagarto, o lagarto arnal, a cobra, a cobra de río e a cobra víbora.

Mamíferos: O ourizo cacho ou porco espiño, o musaraño, a toupa, o morcego, o coello, a lebre, a rata de auga, o rato, o raposo, o lobo, a donicela, a garduña, a martuxa, a lontra, o teixugo, o porco teixo, o furón, a xineta, o gato bravo, o xabaril, o corzo e o gamo.

Aves: O parrulo, a aguia, o azor, o gabián, o falcón, o lagarteiro, o moucho, a curuxa, a perdiz, o paspallás, a avetarda, a pita da auga, a ave fría, a pomba brava, o pombo, a rula, o cuco, o vencello, o peto, a laverca, a cotovía, a andoriña, a lavandeira, o picanzo, o estorniño, a pega marza, a pega rabilonga, o corvo, o corvo real, o carrizo, o reiseñor, a papuxa, o picafollas, o merlo, o tordo, o ferreiro, o gorrión, o pimpín, o paporrubio, o verderolo, o xílgaro, o pardal e o escribán.