Historia

Fundación de Camanzo

A finais do século IX comeza a soar con forza, dende o Ulla ata o Miño, o nome de Betótiz, Bettote ou Betote. É un home poderoso, con influencia na corte de León, que inicia no Deza unha estirpe da que sairán dúas raíñas: as súas netas Aragonta e Elvira. Aínda que son os pais destas, o conde Don Gonzalo Betote e Dona Teresa, os que farán perdurable o seu recordo na comarca pola fundación de, polo menos, tres mosteiros: Camanzo, Carboeiro e Piloño, nesta orde.

De tales fundacións, que se poden situar nos anos trinta do século X, decatámonos pola súa filla Aragonta, que en 966 así o declara no reparto dunhas salinas na costa, do que resulta beneficiario o Mosteiro de Camanzo e, en menor cuantía, o de Carboeiro; pero tamén recibe unha parte o de Piloño, que aparece así vinculado ós Betote, o cal permite atribuirlle a súa fundación.

 

 

Desa data arrinca, polo tanto, a historia documental do máis importante mosteiro de Vila de Cruces, aínda que Vila de Cruces xa contaba, ou ía contar moi pronto, con outras casas relixiosas menores, tal vez só prioratos, como son as de Toiriz, Alcobre, Oirós ou Brandariz, que aparecen mencionadas en distintos documentos de datas posteriores.

Pasaron só dous anos dende o reparto das salinas e no 968 os normandos comezan unha ocupación de Galicia, que durará tres anos, e que deixa a rexión convertida nun eiral. Por outra banda, os descendentes do conde comezan enseguida a disputar pola propiedade dos mosteiros, coa conseguinte anarquía nas casas. E por se fora pouco, no ano 997 Almanzor saquea Santiago de Compostela e os pobos do seu arredor.

Non se sabe se este caudillo árabe destruíu tamén os mosteiros e cenobios da beira dereita do Deza cando arrasou o de Carboeiro, pero o que é certo é que pasou todo un século sen que se volvan a ter novas destas fundacións, nin das principais nin das máis pequenas. Destas últimas volvemos a ter novas no ano 1087, cando a infanta Dona Elvira doa á igrexa do Apóstolo a metade dos mosteiros de Piloño, Oirós, Alcobre e Brandariz; e en 1100, cando Alfonso VII entrega a outra metade para o sostemento do cabildo compostelano. Así comeza o proceso de incorporación da Terra de Deza á Igrexa de Santiago, que se vai ver acelerado baixo o pontificado de Xelmírez e remataría, aínda sen abarcar toda a comarca, no ano 1165.