Descrición

Hidroloxía

O concello de Vila de Cruces está circundado polos tres principais ríos da comarca: o Ulla e os seus afluentes, o Deza e o Arnego, que o convirten nunha península.

O Arnego, divisoria natural coas terras de Agolada, entra no concello por Toiriz e chega ás terras da feligresía de Arnego; aquí, tras recoller augas do regato de Vilar, vese remansado ó formar o encoro de Portodemouros na súa confluencia co Ulla. Dende o encoro, que inundou terras das parroquias de Arnego, Loño, Duxame e Portodemouros, o Ulla baixa unhas veces remansado e outras en torrente sobre vellos muiños agora inactivos. En Obra, pasa o río baixo a ponte de Remesquide, para chegar pronto á histórica Ponte Ledesma, onde orixina unha pequena illa.

 

 

Entre Gres e Cira, recibe o Ulla as augas de outro gran río da comarca, o Deza, para despois adentrarse nas terras de Silleda e da Estrada.

O Deza aparece por Losón, apañando augas no Carrio; e en Fontao, animando fermosas paraxes. Aquí recibe ó Orza, que se forma en Sabrexo e Oirós e, perto da ermita de San Paio, en Merza, o Toxa, río bravo de montaña, lánzase en espectacular cascada antes de rendir as súas augas no Deza.

Actualmente, o municipio salva as súas fronteiras fluviais por unha ducia longa de pontes, pero en outros tempos tivo graves problemas de comunicación, sobre todo cos seus veciños ó NE. O feito de que os documentos medievais chamen Insua de Loño ás terras limitadas pola confluencia do Ulla e do Arnego fala claramente do seu illamento tradicional, que en tempos pasados só podían romper en temporada a través do vado de Portodemouros; Río abaixo, o Ulla pasaba a duras penas baixo as pontes de vigas de San Xusto (Insua), Basebe (Salgueiros) e Remesquide (Obra), pero todas elas eran víctimas frecuentes das riadas. A única que logrou sobrevivir á forza das augas, se ben máis dunha vez con grandes desperfectos, foi a de Ledesma-Gres, sen dúbida a máis importante e tamén a máis antiga de todas as pontes do municipio.

Seguindo contra corrente o curso do Deza, atópase, case na súa desembocadura, a ponte de Cirela; e, río arriba, ca de Sopena en Cernadela, a nova de Sulago en Merza, a tamén moderna de A Carixa, a medieval de Carboeiro, ou a Ponte do Demo en Fontao. E xa na fronteira con Lalín, a máis recente e espectacular de Losón.