Historia

O tempo dos faciosos

O século XIX, sobre todo nos seus primeiros terzos, estivo marcado por diversas convulsións políticas e sociais, coincidindo cos estertores do Antigo Réxime. E non se librou delas Vila de Cruces.

Primeiro foron as loitas entre conservadores e liberais, nas que tivo un especial protagonismo a comarca do Deza. E despois chegou a carlistada, tamén con varias figuras locais, que en máis dun caso rematarían pasando de faciosos, nome que lles daba o pobo, a bandoleiros.

 

 

Os roubos, secuestros e asasinatos realizados polas gavillas carlistas a partir de 1835 aconsellaron establecer media ducia de cantóns militares na comarca para velar pola súa seguridade; o de Vila de Cruces tiña a súa sede na capital do municipio, primeiro na Casa de Uceira e despois na de Mendoza. E cóntanos Francisco Vilariño, cronista dezano da época, que o 10 de xaneiro de 1837 un grupo de soldados acantonados foron patrullar á feira de A Goleta. Pero esta era a ocasión que agardaba o cabecilla facioso Vilanova de Tuiriz, que cercou o cuartel e obrigou a renderse ós sete militares que quedaban de retén. Seguidamente fíxoos camiñar ata a citada feira, da que xa marcharan os outros soldados en busca de reforzos, e alí mandounos fusilar ante o terror e as bágoas dos feirantes, despois de torturalos.

Tras ser capturado e axusticiado Vilanova en 1838 (igual que o foi dous anos antes outro cabecilla destacado, Agustín López, de Piloño), sucedeuno no mando Vicente Caxide, que remataría acolléndose á amnistía pactada no Convenio de Vergara. Non seguiron o seu exemplo moitos dos integrantes daqueles grupos: formaron gavillas de bandoleiros, ó mando de tres ou catro cabecillas coñecidos de Vila de Cruces e seguiron extendendo durante varios anos o terror na zona, ata que foron caendo ós poucos nas mans da xustiza.

Entre as figuras políticas de Vila de Cruces na segunda metade do século XIX, Vilariño destaca a Segundo Vispo, como representante do partido progresista do xeneral Espartero.