Historia

os servos da terra

Dende o século X ó XV, os campesiños viven a mercede dos reis, dos mosteiros, dos nobres e da Igrexa de Santiago e, a partir do XVI, caen progresivamente na escravitude do réxime foral que, a través da fidalguía rural, reencarnase en novas formas de servidume ata ben entrado o século XX.

É fácil imaxinar a situación dos campesiños nesta sociedade de señores e vasaios, que apenas cambia co paso dos séculos. Un ilustrado, o canónigo compostelán Sánchez Vahamonde, laiábase en 1782 da infeliz condición destes homes, que téndose empregado toda a vida nas maiores fatigas do traballo, viven na indixencia, alimentados escasamente, envoltos nun tosco saial e, ás veces case espidos, oprimidos polas vexacións dos seus señores, tiranizados das inxustizas, arrastrados ás cárceres polos acreedores, abatidos e desprezados polas outras clases.

A economía señorial tendía á absorción de todos os excedentes da produción agraria, deixando ó campesiño só co que precisaba para subsistir e, desa forma, imposibilitaba calquera mellora social. E non eran só as rendas dos foros as que levaban boa parte do froito do seu traballo, senón que tiña que soportar outras servidumes, ás veces moi curiosas.

 

 

Unha mostra do que sucedía no Concello de Vila de Cruces témolo nos seguintes casos dalgunhas parroquias da zona, que pasaran no seu día do señorío de Carboeiro ó de San Martiño Pinario. A finais do século XVIII os tributos e servizos ó mosteiro compostelán ou, na maioría dos casos, ós intermediarios que tiñan subarrendados os dereitos forais, eran os seguintes:

  • A parroquia de San Pedro de Losón rentaba cada ano 168 ferrados de centeo, 51 de trigo, 16 capóns e 5 reais.

  • A de Santo Tomé de Insua, uns 130 ferrados de trigo e centeo, catro capóns e catro galiñas.

  • A de Carbia, 36 ferrados de centeo e un carneiro.

  • A de Cumeiro, 35 ferrados de centeo, sete de trigo, dúas galiñas e dous capóns.

  • A de Salgueiros, 63 ferrados de centeo e dous capóns.

Un caso singular constituírono Merza e Fontao, cando os seus veciños tiñan que soportar a "corvea", nada frecuente en Galicia, consistente na obriga de servir a Carboeiro toda a leña que precisase o convento e os veciños tiñan que turnarse para acudir cada día un deles a partir esa leña. No ano 1662 libráronse desa carga a cambio de 72 ferrados de trigo cada ano.

Na maioría das parroquias outra das obrigas dos foreiros era a de pagar ás abadías, coa entrega do mellor vestido e roupa da cama á morte dun cabeza de familia. Ou a luctuosa, a mellor cousa de catro pés, tamén por falecemento. Ou o xantar... A cera, o mel, unha prestación laboral e, finalmente, unha cantidade en metálico foron suplindo esas antigas cargas. En Piloño, por exemplo, xa en 1534 cada veciño pagaba medio real para librarse de dar o xantar ó señor ou ó seu administrador na visita ás súas terras.