Historia

Os Ulloa

O poder dos Sánchez de Gres chega case ata mediados do século XV, co apoio doutros dous arcebispos, Lope de Mendoza e Álvaro de Isorna, cando xa teñen lazos de sangue coas principais familias de Galicia. Pero no segundo terzo desta centuria chégalles a súa quenda ós señores da Ulloa, que foron baixando coas augas do río dende o seu castelo de Pambre e rematarán aliándose co señorío da comarca.

Tamén grazas ó favor de Compostela, xa no ano 1422 comezan por administrar as feligresías de Trasdeza. En 1430 controlan varias fortalezas da Mitra, entre elas a de Cira. E pouco tempo despois gobernan todo o feudo do Deza. A medida que vai pasando o tempo van fusionando o apelido, a casa e os títulos cos Altamira, os Andrade e os Lemos, e seguirán, xa baixo os Austria, negándose a devolver á Igrexa de Santiago a xurisdicción destas terras que un día lle foi encomendada. Por tentar recuperalas o arcebispo Fonseca III entra en preitos en torno a 1512 coa Casa de Altamira. E o mesmo farán os sucesores a mediados dese século cos condes de Lemos.

A loita, aberta ou latente, pola propiedade de terras e vasaios na Galicia interior víñase desenvolvendo a tres bandas dende finais do século XIV, entre a Igrexa de Santiago, os nobres e os mosteiros. Pero estas, en busca da protección e defensa dos seus intereses, acaban caendo en mans dos primeiros quen, tras negarse a prestar vasaiaxe á Mitra a mediados do século XV, convértense nos señores da guerra, e rompen o fráxil equilibrio que rexía a sociedade galega.

O último terzo deste século é o de todos contra todos, incluidos tamén agora os campesiños, que se levantan contra os seus señores, fartos dunha servidume que se volveu insoportable.