Historia

Primeiras Anotacións

Entre as primeiras mencións ó Pobo das Cruces que aparecen anotadas atopamos unha no dubidoso concilio celebrado en Lugo no 569, nas actas do cal inclúen o comitatus Merciensis (de Mencia) entre os territorios pertencentes á diócese de Iria; e outra do ano 896, na que un tal Sisnando doa á súa muller Ildoncia varias villae, e entre elas a de Pastoriza.

Pero a cita máis ampla é a que menciona por primeira vez os topónimos Carvia et Uliares, nunha doazón do bispo Sisnando no 966 ó mosteiro de Sobrado. Ademais, cinco anos máis tarde, no 971, os condes de Présares, pais do bispo, fan inventario de todo o doado por eles e os seus fillos ó mesmo mosteiro, e inclúen na súa relación a vila carvia et Avaonio, vila Uliares cum ecclesia sancte Marie, vila Aureolis, Botanio et Venesegio: Carbia e Loño, Ollares, Oirós, Bodaño e Besexos.

Durante os séculos seguintes séguense rexistrando numerosas doazóns como a anterior, compras e vendas de terras a vasaios, permutas, etc. que quedaban reflexadas en documentos. Nestes documentos seguen aparecendo referencias a estes e outros lugares do Concello de Vila de Cruces.