Historia

Primeiros Tempos

Se os primitivos poboadores buscaban para establecerse a cercanía dos ríos, cunha orografía apropiada para garantir a defensa dos poboados, zonas con auga, caza e pesca abundantes, e con solos idóneos para o cultivo, non pode extrañar a súa presenza no Concello de Vila de Cruces. Xa antes de habitar nos castros, que seguen moi presentes na xeografía local, da súa presenza fai máis de 4.000 anos deixáronnos probas en algús grupos dispersos de mámoas, na súa maior parte xa destruídas, e no máis numeroso e importante de todos, na necrópole situada neste lado da Serra do Carrio, sobre unha campa do monte baixo de O Camballón.

Da vintena de enterramentos aquí existentes, algúns foron excavados nos anos 1975 e 1976 por arqueólogos da Universidade de Santiago de Compostela, que descubriron outros tantos dolmens de pranta circular e poligonal, con algunhas das lousas decoradas con liñas onduladas, ou granxas de tres en tres; e entre os restos funerarios, un coitelo de sílex, varias puntas de frecha, tres láminas de ouro e numerosos fragmentos cerámicos, como os correspondentes a cinco vasos e a unha vasixa campaniforme.

Este importante campo de mámoas, adicado a enterramentos colectivos, correspondería ó chamado megalitismo final, que se desenvolve en Galicia en torno ó ano 2.300 a.C. E da mesma época parece ser a inscultura de círculos concéntricos situada a 500 metros ó leste da necrópole.

De tempos posteriores, pero especialmente interesante, é a densa xeografía de castros locais, que rexistra unha vintena destes poboados primitivos: Cumeiro, Gres, Camanzo, Insua, Larazo, Añobre... Hai, ademais, varios topónimos que denuncian ou suxiren algún tipo de actuación humana nos tempos prehistóricos: A Croa (Salgueiros), Moa (Merza), Covas (Carbia), Fornelos (Toiriz), Castrelo (Bodaño), ou o Monte das Covas, xunto a Vila de Cruces.

E despois dos tempos prehistóricos, un longo silenzo. Se quixeramos decir algo acerca da historia do Concello de Vila de Cruces durante os séculos da romanización, ou dos que seguiron á caída do Imperio Romano baixo os suevos ou visigodos, non fariamos máis ca especulacións. De todos modos parece ser que se atoparon moedas dos césares nas minas de Fontao, pero do que non cabe dúbida é de que a primeira gran ponte local sobre o Ulla foi construído baixo o Imperio Romano, aínda que a que se contempla hoxe en día sexa dunha época moi posterior.

Como no resto de Galicia, hai que supor que tamén aquí os poboadores dos castros foron biaxando ós vales durante a longa pax romana, aprendendo o manexo do arado e un mellor cultivo dos campos, foron construíndo unha lingua común e fixaron unhas certas normas de convivencia, etc.

Carecemos tamén de novas sobre as algaradas dos invasores árabes na zona. Aínda que hai que dicir que en Galicia foi maior o terror que inspiraron os mouros, que quedou impreso na alma galega durante moitos séculos, que os efectos da súa presenza, que foi moi curta. O seu recordo só pervive aquí en topónimos como Portodemouros ou nos referidos ás consabidas lendas dos castros.

En todo caso, se se acepta que Almanzor arrasou o Mosteiro de Carboeiro no ano 997, cabe pensar que faría o mesmo nos cercanos de Camanzo e Piloño, próximos ó camiño que seguía cara a cidade do Apóstolo.