Historia

rapiñas e trifulcas

A historia de Vila de Cruces está chea de enfrontamentos entre os donos das terras e non está exenta de preitos, trifulcas e protestas campesiñas.

Así, xa no século XVI, os monxes de San Martín queixábanse, e con razón, do acoso que as xentes do Arcebispo facían ós seus colonos nestas terras. A seguinte cita dá conta diso: O 20 de xaneiro de 1514, día da romería de San Sebastián en Picosagro, en terras do mosteiro, o merino do arcebispo no coto de Piloño, "acompañado dalgúns peóns armados de lanzas, espadas e ballestas, apoderouse de toda a esmola, consistente en candeas, centeo, polos e uñas de porco" (López Ferreiro, VIII, 24). E a muller do merino, cos seus criados, volveu facer o mesmo coa colecta do primeiro domingo de maio seguinte ...

 

 

Quen máis problemas tiveron foron as señoras de San Paio co seu pequeno feudo de Camanzo. Un deles, cando a finais do século XVII quixeron cambiar o capelán e administrador do coto, que era sacerdote secular, por un frade benedictino, con rango de prior. Pero foi tal a oposición dos colonos que remataron acudindo en manifestación a Santiago e lograron o seu propósito, ou polo menos atrasar o cambio ata 1707.

En diante, os vasaios feligreses porían frecuentes trabas á labor dos priores, que eran ó mesmo tempo pastores de almas e recaudadores das rendas. Como exemplo, o que rexía o coto en 1754, frei Martín Emelgo, ó cal os colonos trouxeron pola rúa da amargura: queimáronlle o hórreo, facíanlle secar os castiñeiros, derribábanlle os valos, estropeábanlle os apeiros de labranza e mandábanlle ameazantes anónimos. Así comezaba o texto dun deses ameazantes anónimos, que o prior atopou ó entrar na igrexa o 1 de xuño de 1782, e que transcribe Lucas Álvarez: "Frai Prasio Melgacho, páreco de Camanço, páreco de las demonias, tu acabas os probes, que lle vendes o que ten para comer. Tu non nos vestes, como fai o de Piloño; tu non lles das ferrados de grau, como fai o de Bendaña. Tu acabas os probes dos feligreses quos escribanos, tu queres acabarlos de todo (...) Pois, se non despachas os escribanos e si non dis a missa a de po la mañá as sete e se non mudas de vida, guramos a Dios y a esta + que as de aparecer queimado...". Asustado, o prior queixouse á abadesa, intervíu a xustiza e algúns veciños remataron encarcerados. Consérvanse varias das súas cartas declarándose inocentes ou pedindo clemencia.