Descrición

Relevo e Topografía

O relevo do municipio de Vila de Cruces presenta unha sucesión de vales e altiplanicies, na constitución dos cales xogou un papel importante a erosión selectiva efectuada sobre o rochedo metamórfico (micacitas na sua maior parte) e as ailladas rochas básicas que forman o solo.

Existe unha estreita relación entre litoloxía e topografía: as formas elevadas corresponden ó rochedo granítico, e o fondo, lixeiramente ondulado, ós esquistos sericiticos. Trátase dun altiplano disecado e de altitude máis ou menos constante, algo inclinado cara o cauce do río Ulla, que revela no seu descenso catro niveis de erosión derivados uns doutros. O primeiro fórmao o relevo residual das cumes de O Carrio, sobre o que encaixan sucesivamente os tres restantes: unha serie de elevacións que pertencen á superficie fundamental de Galicia (Madalena e Mirón, entre 600 e 500 m.) e acusan un descenso altitudinal de S. a N.; un nivel aquitaniense, de menos de 500 m.; e o nivel tortoniense, nun escalón inferior.

A serra de O Carrio, de relevo vigoroso, é un afloramento granítico (granito sintectónico, orientado), en medio de rochas metamórficas. Quedou en resalte polo efecto da erosión diferencial, debido á maior resistencia do granito, e dá lugar a que nestes cumes se conserve a superficie máis antiga de Galicia, enmarcada polo aplanamento fundamental das súas ladeiras.

 

 

Conforme nos aproximamos ó Ulla o rochedo faise máis variado. Unha serie de pequenos sistemas montañosos aparecen aliñados en dirección Noreste - Suroeste, similar á do afloramento de rochas básicas que xunto ó gran desnivel entre o canle do Ulla e as terras limítrofes, a presenza de manantiais de augas minerais, e a disposición dos materiais en pequenas bandas, estreitas e alongadas, parece reflexar un sistema de fallas que segue esta orientación. É probable que o Ulla siga unha destas líñas para cavar un profundo corte entre os aplanamentos que quedan a unha e outra beira. Neste encaixamento do río debeu ter importancia a tectónica recente, ainda que tamén puido influir no seu desenvolvemento un antigo corredor tectónico e a existencia de fallas, fracturas ou contactos entre materiais de distinta litoloxía.

As zonas de vales máis ou menos estreitos e encaixados alternan con outras de vales máis amplos e abertos que son consecuencia da erosión areolar. Os interfluvios levántanse vigorosos cando están constituidos por materiais duros e por relevos residuais, e teñen formas máis pesadas onde a erosión actuou con maior forza.