Historia

rendas para a universidade

Cando en 1495 o notario compostelano Gómez de Marzoa funda o chamado "Estudo Vello", xerme da futura Universidade, o abade de San Martiño Pinario cédelle o edificio de Antealtares para albergar as súas aulas (o futuro mosteiro feminino de San Paio) e dóalle ademais as rendas que o mosteiro compostelán tiña en Camanzo, trala súa recente anexión desta casa.

Trinta anos máis tarde, ó ampliar a iniciativa de Marzoa o tercio dos Fonsecas coa fundación do colexio do seu nome (inicialmente de Santiago Alfeo), este arcebispo dótao de amplos recursos e, entre as cuantiosas rendas que lle atribúe, figuran as que a Igrexa de Santiago cobraba na parroquia de Piloño. Así consta na bula do Papa Clemente VII, que o 15 de marzo de 1526 aprobou dita fundación.

 

 

Pódese comprobar, polo tanto, a xenerosa contribución do Concello de Vila de Cruces ó nacemento e primeiros pasos da Universidade Compostelá. Pero hai que facer unha consideración: durante os trescentos anos seguintes non se atopa ningún nativo de aquí que logre acceder ó "Fonseca". Entre os seus colexiais figura como natural de Merza Don Pedro Ramón Somoza, que en 1793 ingresou no prestixioso centro para coroar a súa prestixiosa carreira cun grao académico. E chegoulle un só curso para demostrar as súas boas cualidades, xa que ó ano seguinte foi elexido rector do colexio.

De todos modos, as orixes de Don Pedro parecen estar en Chantada e aparece vinculado a Merza porque o seu irmán Juan Francisco Javier, chamado a ser figura destacada da Ilustración en Compostela, estaba casado aquí.