Descrición

Vexetación

A comarca de Deza, que se encaixa fitoclimaticamente na rexión eurosiberiana da Europa Occidental, presenta algúns riscos de mediterraneidade, causados pola súa posición latitudinal e a súa proximidade ás costas.

O clima suave e algo de seca estival permiten a aparición en altitudes baixas de cortizos, érbedos e outros elementos propios da flora mediterránea, e así vemos como no municipio de Vila de Cruces, as manchas boscosas autóctonas de carballos e castiñeiros seguen alegrando a paisaxe, así como os bidueiros e os alisos, que a miúdo acompañan o curso dos ríos; e segue medrando a superficie destinada ó pino común e ó eucalipto, pola sua utilidade económica.

Singular interese botánico ofrecen as sobreiras da beira do Arnego, incluidos para a súa protección na Rede Natura 2000. Son árbores de querencia mediterránea, coma os érbedos que medran nas terras abrigadas de Toiriz, ou os limoeiros e laranxeiras de certas zonas ribeireñas, poboadas por vides (con Denominación de Orixe Rías Baixas) e froiteiras.

A perfecta delimitación da Comarca por elevacións montañosas que en forma de media lúa a encerran polo sur, noroeste e leste, e a depresión do Ulla polo norte, define un lixeiro basculamento da comarca cara ó noroeste, pois en ningún caso as alturas son superiores ós 1.100 m., non baixando as cotas inferiores dos 200 m.

Esta suave variación da orografía, as condicións climáticas, etc. fan que, xunto con evidentes contrastes, teñamos unha sensación de uniformidade.

Sen ignorar o carácter eurosiberiano da flora da rexión, non podemos deixar de citar a presenza de certos elementos mediterráneos de orixe lusitano-durense como son os cortizos (Quercus suber), os érbedos (Arbutus unedo) ou o rebolo (Quercus pyrenaica).

 

 

Xunto a estes, podemos citar, sen dúbida con maior presenza, outras especies tipicamente atlánticas: Quercus robur, Betula pendula, Betula celtibérica, Alnus glutinosa, etc. polo que se refire a especies arbóreas. Tamén é notable a presenza de Cheilantes marantae e outras especies serpentinícolas que se localizan en terreos de rochas ultrabásicas da parte media e baixa da conca do Deza.

Dito isto, podemos atopar na zona tres series principais de vexetación:

Serie das carballeiras colinas: esta serie corresponde a unha carballeira relativamente densa de Quercus robur, que ocupa chans pobres en bases con tendencia á podsolización.

Segundo IZCO, case non hai diversidade no estrato arbóreo, practicamente Quercus robur e nada máis. Debaixo non faltan Ilex aquifolium (“acivro”), Frangula alnus, Pyrus communis (“pereira”), Laurus nobilis (“loureiro”), Crataegus monogyna (“estripo”), etc.

O sotobosque arbustivo conta con prantas mediterráneas (Ruscus aculeatus, Daphne gnidium, Arbutus unedo (“érbedo”), Rubia peregrina, etc.) que coexisten con outros vexetais caducifolios eurosiberianos.

Unha primeira etapa de degradación destes bosques produce a matogueira densa de xesteiras, que teñen unha estrutura correspondente a un piornal de gran tala, rico en fieitos, silvas e toxos.

Unha etapa posterior conduce á matogueira degradada formado por uceiras que aparecen despois dos lumes continuos e polas repoboacións de piñeiros resineiros (Pinus pinaster sp. atlántica).

 

Debido á intensa explotación agrícola e forestal é difícil encontrar bosques ben conservados, o carballo foi substituído frecuentemente polo piñeiro marítimo ou bravo (Pinus pinaster sp. atlántica) e en zonas máis cálidas polo eucalipto, e en moitos casos atópase mesturado co castiñeiro (Castanea sativa). Por outra parte, os fondos dos vales, de chans máis profundos, foron roturados e neles aséntanse os pastizais e cultivos agrícolas (millo, hortalizas e viñedos).

Serie das carballeiras montanas: os montes de carballeira son relativamente frecuentes, sobre todo en zonas pouco aproveitables para a agricultura (pendentes fortes, chan pedregoso), concentrándose sobre todo en fondos de torrentes, xa que foron moi castigados polo lume nas zonas altas. Substituíuse nalgúns lugares por pastizais, pero sobre todo abunda o monte con matogueira de toxos e uces, con pés illados de carballo, reflexo de épocas de maior forestación.

Nun estado de degradación máis avanzado, as xesteiras dan paso á matogueira degradada, ás uceiras e ás toxeiras que ocupan grandes extensións.

Nesta matogueira son comúns o “toxo asnal” (Ulex europaeus), ”a queiruga” (Calluna vulgaris) e o “toxo femia”, así como diversas especies do xénero Erica, como a Erica cinerea (“carpaza”) ou a Erica aragonensis (“urce bermella”).

Serie das alisedas riparias: os bosques ribeiregos quedan practicamente reducidos a liñas ó longo dos leitos debido á intensa explotación destes ecosistemas, altamente produtivos, que foron substituídos por cultivos e praderías naturais.

Os bosques riparios colinos contan con “ameneiros” (Alnus glutinosa), “bidueiros” (Betula pubescens subesp. celtibérica) e “arracláns” (Frangula alnus) no seu estrato arbóreo e con “Osmunda regalis” e “Carex broteriana” no herbáceo.