Historia

Xelmírez en Vila de Cruces

O século XII é o de Xelmírez, o do esplendor de Santiago de Compostela e o das grandes obras do románico. Cando no 1111 Arias Pérez e os seus secuaces sitian ó herdeiro da coroa (futuro Alfonso VII) en Castrelo de Miño, é chamado o arcebispo para negociar un arranxo; e conta a Historia Compostelana que Xelmírez diríxese coa súa comitiva ata o río Arnego, bordeando as terras de Deza dominadas polo cabecilla da revolta, e aquí agarda noticias dos sublevados. Cando recibe garantías sobre a súa seguridade na negociación, que resultarían falsas, o arcebispo abandona estas terras en dirección a Ourense, posiblemente pola ponte de Toiriz.

Cabe supoñer que o prelado estaría acollido durante a súa estanza nalgún dos mosteiros locais, que na súa maioría pertencía xa á Igrexa de Santiago de Compostela, excepto, de existir naquel momento, o de Toiriz, que dependía da abadía de Sobrado, e o de Camanzo, que é doado asimesmo á sede compostelana, xunto coa igrexa de Merza, o 3 de xaneiro de 1115.

Naquel momento a raíña Dona Urraca, que establece e rompe constantemente as súas alianzas con Xelmírez, volve a estar en horas baixas e precisa o seu apoio. O 20 de xuño de 1120 entrégalle o señorío da chamada ínsula Laonio, a illa de Loño, a fértil terra en forma de península que antes de ser inundada polo embalse formaban na súa confluencia o Ulla e o Arnego. O seu recordo pervive en dous topónimos: Insua e Loño.

 

 

Pero antes de pasar un ano a raíña rompe de novo as paces co arcebispo. En 1121 o conde de Deza Bermuda Suárez acababa de construir o castelo de Cira e Dona Urraca, alegando que o levantara sen o seu permiso, mandou que fose encarcerado e despois deulle a liberdade a cambio da flamante fortaleza. E non tardou en confiarlla a Xelmírez, sen que se saiba moi ben aínda o por que.

Durante o tempo que estivo prisioneiro os veciños monxes de Camanzo e o seu abade Pedro colmárono de atencións e o arcebispo, unha vez liberado, agradeceullo doando ó mosteiro en 1122 os dezmos de realengo existentes entre Palatios (Pazos, de Oirós) e Arnobre (Añobre). E hai que sinalar tamén que dende esta data ata 1197 o mosteiro volve a vivir un longo silenzo de 75 anos, tempo en que se considera incorporado á reforma promovida por Cluny, como fixo Carboeiro.

O mosteiro de Carboeiro reaparecerá na historia para sufrir durante os séculos XIV e XV unha longa agonía de presións e atropelos por parte dos poderosos, pero non sucede o mesmo cos de Oirós, Alcobre ou Brandariz. A última referencia ós dous últimos é de 1110, nunha bula do Papa Pascual II, que confirma a súa pertenza á Igrexa de Santiago, así coma os límites do seu territorio, que chegaba de O Carrio a Portodemouros.