Descrición

Xeoloxía e Edafoloxía

O territorio de Vila de cruces está formado por un altiplano que descende escalonado de sur a norte cara a canle do Ulla, con distintos niveis de erosión, como o máis elevado dos cumes de O Carrio (Penarredonda, 827 m.) ou o intermedio de alturas entre 600 e 500 metros, coma os montes Madanela e Mirón, pertencentes á superficie fundamental de Galicia. É na zona septentrional, ribeireña do Ulla, onde presenta o municipio as súas terras máis accidentadas, con montes e cerros de diversas alturas e caprichosa distribución, que obrigan ó río a torcerse e retorcerse, entre beiras rochosas e ás veces inaccesibles, ata que logra expraiarse nos vales occidentais.

O subsolo ofrece unha especial interese xeolóxica, non só porque dende mediados do século pasado foi considerado o único terreo semivolcánico de Galicia, pola suposta presencia nel de formacións basálticas, senón tamén pola variedade de minerais que alberga.

Estudos posteriores descartaron a presenza de formacións basálticas na zona, nas que se apoiaba o seu presunto carácter semivolcánico, pero seguen subraiando a súa interese xeolóxica. Da Serra do Carrio dise, por exemplo, que en ela “a resistencia das rochas fronte ós axentes erosivos explica perfectamente a súa orixe e fai que en cumes apareza conservada a superficie máis antiga de Galicia, a modo de relevo residual, en resalte sobre o aplanamento fundamental, que aparece encaixado nos seus flancos”. 

 

 

AS ROCHAS E OS MINERAIS

Vila de Cruces ten o seu asento xeolóxico no chamado “Complexo de Ordes”, composto fundamentalmente por esquistos e rochas básicas. Os primeiros formáronse a partir de sedimentos mariños e de emisions volcánicas submariñas, cando toda esta área formaba unha gran cunca de sedimentación oceánica, hai máis de 600 millóns de anos; os esquistos amosan aquí distintas cores, do branco ó gris azulado, e a miúdo aparecen acompañados polos gneis. En canto ás rochas básicas e ultrabásicas, sobre todo anfibolitas e serpentinas, representan os restos dun gran manto de corremento que cabalgou sobre os esquistos antes citados durante a fase de formación das montañas galaicas, durante o Paleozoico. Son, por tanto, antiquísimos fragmentos de corteza terrestre oceánica profunda que montaron sobre a corteza continental, no gran xogo de choques entre as placas litosféricas. Xunto a estes dous tipos predominantes de rochas, aparecen de xeito moi localizado afloramentos do apreciado granito de dúas micas, fermosa materia prima da arquitectura local; o mesmo que a polícroma serpentina, de crecente aplicación como pedra ornamental.

En canto ós minerais, destacan sobre todos eles o wolfram e o estaño da ribeira do Deza en Losón e Fontao, protagonistas da longa tradición mineira Vila de Cruces; e xunto a eles, en menor cantidade, a pirita, a galena, incluso o ouro, que aparece asociado ós anteriores; o amianto, a circonita ou diamante pobre, no Deza, ó seu paso por Merza, e o topacio, preto de Portodemouros.